20 de out. de 2009

Así é Pontedeume


Unha escueta noticia pode dicir moito dunha realidade. O novo colexio Couceiro Freixomil, inaugurado este ano, foi pechado hoxe por mor da inundación de augas fecais. Os alumnos de infantil tiveron que voltar ás súas casas porque as augas residuais saían polos váteres, duchas, e desaugadoiros, anegando os corredores e varias aulas.
O pasado día 7 xa aconteceu o mesmo. A falta de previsión por parte dos técnicos que deseñaron o edificio parece ser a nota dominante deste moderno colexio. Os patios non poden ser utilizados porque o arquitecto da obra non tivo en conta que os pequenos alumnos poderían despeñarse dende varios metros de altura.
Así é porque así o queremos.
(Foto:ANPA Couceiro Freixomil)

15 de out. de 2009

Pódense legalizar as construcións de Nogueirosa?


Recentemente fíxose público dende o Concello de Pontedeume que a aprobación do plan xeral resolvería os problemas de certas vivendas ilegais : de resultar aprobado o documento urbanístico, pode dar lugar á legalización dos chalés de Nogueirosa sobre os que a día de hoxe existe un auto xudicial para a súa demolición. Neste caso, tamén se atoparían as casas de Boebre que están sendo investigadas por Urbanismo da Xunta.

Hai que lembrar que as sentenzas de derrubamento son firmes e sobre elas non cabe xa ningún tipo de recurso. A pesares diso o Concello, para evitar un gasto millonario e un dano aos propietarios, optou por introducir no PXOM as modificacións do chan pertinentes para poder legalizar as vivendas afectadas. Este tipo de estrataxema non é nova e moitos concellos anteriormente quixeron poñela en práctica.

Pero esta mesma semana o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza freou un intento de legalizar 1500 vivendas en Vigo. Dende hai máis de 10 anos a xustiza exixe a demolición destas vivendas cuxas licenzas foron anuladas. Tal e como recollen os medios ao longo deste tempo os sucesivos gobernos locais trataron de dilatar o momento de tomar decisións con constantes recursos, á vez que con traballo elaboraban un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Este documento entrou en vigor en agosto do ano pasado e entón púxose en marcha o proceso para legalizalos conforme á nova normativa.

O Concello de Vigo concedeu entón outras licenzas amparadas na nova normativa crendo que así sería posíbel sortear as sentenzas de derrubamento. Mais o TSXG amosouse contundente e apremia ao concello vigués a demoler os tres primeiros edificios e rexeita os recursos presentados polo consistorio.

Debería servir de aviso para navegantes antes de depositar falsas expectativas que logo non se cumprirán. A simple posibilidade de que este tipo de actuacións tivese éxito sería unha burla que a xustiza non vai consentir, á vez que unha invitación a cometer todo tipo de abusos urbanísticos coa certeza de que logo serían "legalizados" polo alcalde de turno.


27 de ago. de 2009

A Lei de Costas e o señor marqués


Se alguén tiña dúbidas de que as leis non son iguais para todos xa pode disipalas. A prohibición de construír a menos de 200 metros da costa (actualmente a menos de 500 m) non parece afectar ás propiedades do marqués de Suances cuxas fincas en Cabanas aparecen cada vez máis urbanizadas a medida que pasan os meses.
Dunha semana a outra a paisaxe cambia drasticamente. Se Deus fixo o mundo en sete días, a prolífica familia do marqués non lle vai á zaga. Como se pode contemplar nas dúas fotografías tomadas nun breve espazo de tempo, unha nova casa aparece onde antes só había un campo verde. O certo é que toda a finca está chea de construcións recentes que vulneran a lei de costas.
Van ter razón os afectados polas recentes decisións xudiciais que lles obrigan a demoler as súas casas. Consideran que é unha inxustiza por canto son milleiros as construcións ilegais que se espallan polo territorio galego. Peor vailles sentar saber que os "señoritos" están exentos de cumprir as leis.


21 de ago. de 2009

Cifras e Letras (III)



Coñecido xa o presentador e a acción, pasamos a testemuñar coas imaxes.
Onde antes había un camiño típico do medio rural, con vexetación frondosa, a este señor déuselle por levantar un horrible muro. Ademais canalizou as augas do seu terreo para que vertesen sobre o camiño público polo que transitan os veciños de Ventosa.
Perseverando máis no mal gusto que caracteriza a este importante personaxe da Televisión Galega, mandou construír un "fin de semana" tipo hórreo asturiano.
Outras preguntas que completarían o concurso: Canto pagou? Está ao corriente o Concello desta infracción? Existe distinto raseiro para os famosos? Resolvería o PXOM estes desmáns?










19 de ago. de 2009

Cifras e Letras (II)

Xa sabemos o nome do presentador: Paco Lodeiro. Agora toca saber o que está facendo en Centroña. A resposta terala se xuntas adecuadamente as letras:
G-E-L-L-I-I-D-A-A-D-E

11 de ago. de 2009

Cifras e Letras (I)

Propóño un xogo moi sinxelo dende esta páxina. Terá continuación segundo se adiviñe a primeira pregunta.
Coas letras
O, L, E, O, P, A, D, O, I, R, C
escribir o nome e apelido dun famoso presentador da TVG
Escribe a túa resposta nos comentarios deste blog.

5 de xul. de 2009

A rehabilitación como garante do progreso


As cidades con cascos históricos non deberían deixar pasar a oportunidade de rehabilitalos. Redundaría nun maior beneficio económico para as vilas e o sector servizos. Sábeno ben aquelas que tiveron a valentía de acometer os procesos de rehabilitación cando ninguén apostaba polos edificios vellos e medio derruídos. En pleno auxe urbanístico algúns alcaldes souberon sobrepoñerse ás modas das urbanizacións. Santiago de Compostela foi unha desas cidades que hoxe goza do recoñecemento mundial por mor da súa política en defensa do seu casco histórico. Un casco que hoxe é Patrimonio da Humanidade e reporta mellores dividendos aos comerciantes de Compostela. O seu alcalde recoñece o acertado das melloras dos últimos anos: "Santiago de Compostela era unha cidade en vías de extinción. Construídas no medievo, as edificacións do centro histórico da cidade íanse deteriorando co paso dos anos e os residentes mudábanse. En dez anos, Santiago de Compostela recuperou 2.000 edificacións, o centro histórico recobrou vida e miles de turistas visítana cada ano".