5 de xul. de 2009

A rehabilitación como garante do progreso


As cidades con cascos históricos non deberían deixar pasar a oportunidade de rehabilitalos. Redundaría nun maior beneficio económico para as vilas e o sector servizos. Sábeno ben aquelas que tiveron a valentía de acometer os procesos de rehabilitación cando ninguén apostaba polos edificios vellos e medio derruídos. En pleno auxe urbanístico algúns alcaldes souberon sobrepoñerse ás modas das urbanizacións. Santiago de Compostela foi unha desas cidades que hoxe goza do recoñecemento mundial por mor da súa política en defensa do seu casco histórico. Un casco que hoxe é Patrimonio da Humanidade e reporta mellores dividendos aos comerciantes de Compostela. O seu alcalde recoñece o acertado das melloras dos últimos anos: "Santiago de Compostela era unha cidade en vías de extinción. Construídas no medievo, as edificacións do centro histórico da cidade íanse deteriorando co paso dos anos e os residentes mudábanse. En dez anos, Santiago de Compostela recuperou 2.000 edificacións, o centro histórico recobrou vida e miles de turistas visítana cada ano".