10 de feb. de 2009

Un compromiso en Compostela


Os que antepoñemos a defensa do medio ambiente e do territorio como un espazo no que vivir a calesquera outras consideracións ideolóxicas, os que aínda cremos que as nefastas políticas que están a devastar a paisaxe poden ser erradicadas, temos unha cita o próximo domingo en Compostela. Ás 12h. e dende a Alameda, un inigualable e entrañable parque, partirá unha manifestación que percorrerá o casco histórico da capital galega. Máis de 50 organizacións defensoras do medio ambiente. aglutinadas na rede Galiza Non Se Vende, denunciarán o desolador panorama que está a convertir a Galiza nunha aflixida sombra do que foi.

7 de feb. de 2009

Un exemplo a seguir

Poucos son concellos que se adheriron á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Este organismo creado pola Xunta de Galiza pretende ser o garante da legalidade en materia de construción e a inclusión dos concellos no mesmo é voluntaria. Pouco máis dunha ducia de concellos optaron por esta fórmula para preservar o seu territorio de infraccións cometidas polos construtores. O resto debe preferir deixar reinar o urbanismo salvaxe xa que este reporta grandes beneficios (só para uns poucos). Pontedeume pertence a este último grupo, o dos que non valoran a súa paisaxe.

Lemos unha nova publicada pola CPTOPT que moi ben pode repetirse en breve no noso concello.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística demoleu dous edificios ilegais en Oza dos Ríos

As edificacións foron construídas en solo rústico de especial protección forestal, no que a lei prohibe a construción de vivendas o os usos residenciais

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística procedeu esta mañá á demolición de dúas edificacións situadas no lugar de Santa Cruz de Mondoi (no concello coruñés de Oza dos Ríos). Trátase de dous edificios que foron construídos en solo rústico de especial protección forestal, no que a lei prohibe a construción de vivendas e os usos residenciais, entre outros. Polo tanto, a Axencia Urbanística executou hoxe o derrube das mesmas de forma subsidiaria logo de que o propietario incumprira a orde de demolición que lle fora ditada, así como os requirimentos que se lle fixeron posteriormente.

Os feitos parten dunha denuncia efectuada polo Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil ante a Dirección Xeral de Urbanismo que, a raíz da denuncia iniciou unha investigación para determinar a situación dos inmobles. O expediente concluíu que ambas edificacións eran ilegais e ilegalizables xa que foron construídas nunha zona clasificada no Plan Xeral de Oza dos Ríos como solo rústico de especial protección forestal e neste tipo de solos está prohibida a construción de vivendas e os usos residenciais, entre outros.

Cómpre recordar que o Concello de Oza dos Ríos outorgou licenza urbanística a estas edificacións e, unha vez advertido pola Dirección Xeral de Urbanismo de que as licencias non se axustaban á legalidade, o Concello solicitou a anulación das mesmas ante o Xulgado do Contencioso Administrativo, que procedeu a anulalas.

Posteriormente a Dirección Xeral de Urbanismo declara ilegalizables as edificacións e ordena ao propietario a súa demolición.

Foto: Cabalar



30 de xan. de 2009

A gran mentira


O pasado mes de outubro un membro de Consultora Galega fixo unha presentación preliminar do PXOM de Pontedeume aos representantes dos partidos políticos. Nesa reunión comunicóuselles aos presentes que a aprobación inicial do documento poderíase realizar no mesmo mes de outubro ou, como moito tardar, en novembro. E non sen hora pois xa transcorreran dous anos dende que Consultora Galega expuxera un avance do plan nos baixos de Foremdes, avance que foi desestimado pola CPTOPT.
Dende entón non se volveu saber nada do ansiado plan. Foron varias as disculpas que o executivo local puxo para xustificar o atraso na presentación do mesmo. A cada cal máis insólita.
Primeiro díxose que faltaba darlle un retoque en certos temas, despois só faltaba que a secretaria do Concello o estudase a fondo. Unha posterior explicación consistía en dicir que a empresa redactora obviou as indicacións do goberno local e fixo un plan distinto. Onte mesmo o concelleiro de urbanismo alegou no pleno que se estaban a dar os últimos retoques para adaptar o parque Sarmiento a un posible aparcadoiro subterráneo.
Unha mentira tras outra, todas contradictorias, e unha burla aos veciños de Pontedeume. As verdadeiras causas que agochan o plan de urbanismo hai que buscalas en intereses privados de especuladores e delincuentes que non dubidan en entorpecer un plan que Pontedeume necesita máis que nunca e que leva camiño de perderse nas oficinas do Concello á espera de mellores tempos. Porque diso se trata. En marzo hai eleccións e os partidarios do urbanismo salvaxe e depredador agardan un cambio de goberno que modifique as actuais leis de protección urbanística para poder construir, recalificar e desordenar todo o que sexa factible de procurar píngües beneficios a costa do solo.
E nesta demencial actitude duns poucos afanados e incontrolados usureiros, teñen unha grande responsabilidade os membros do goberlo local. As súas palabras nada máis acceder ao Concello distan moito do que logo practican. Unha burda mentira que ofende a dignidade non só de quen os votou senón a de todos os eumeses que aspìramos a gozar dunha vila e un concello no que prime o entorno como fonte de vida e de futuro.

24 de xan. de 2009

Causas dunha crise anunciada

  1. Cada día transformábase en España unha superficie de chan equivalente a 45 hectáreas -os famosos (45) campos de fútbol-.
  2. A superficie edificada aumentou un 40% nos últimos dez anos.
  3. En 2005 levantáronse máis de 800.000 vivendas que equivale ás edificadas durante o mesmo período en Reino Unido, Francia e Alemaña xuntas, aínda que estes países suman cinco veces a poboación do noso país.
  4. En 2006 aprobáronse plans para construír millón e medio de vivendas e máis de 300 campos de Golf. Supuñan unha marca absoluta na historia de España.
  5. A terceira parte do primeiro quilómetro de litoral mediterráneo está construída.
  6. Desde a Lei 6/98 do Partido Popular, o chan urbanizado de vivenda libre encareceuse un 200% ata 2.004.
  7. España conta co maior parque inmobiliario da UE, ata hai pouco co ritmo de construción máis alto, e -punto importante- o acceso á vivenda máis difícil.

16 de xan. de 2009

Unha historia de terror

Unha situación kafkiana. O señor Fregueiro contrata a un albanel para facer obras de mellora na súa casa. O que quere este señor déixallo saber moi claramente ao profesional do cemento. Pero resulta que ao cabo dun tempo o albanel empeza a facer e desfacer por onde lle apetece. As portas xa non ían onde deberían; os cuartos non teñen a superficie prevista; e os azulexos non son da cor preferida polos donos da casa.

O Sr. Fregueiro advirte ao contratado que debe cinxirse ao mandato de quen paga mais como resposta atopa unha actitude belixerante do albanel. Este ameaza con non rematar a obra nin darlle as chaves da vivenda ao propietario da mesma. O Sr. Fregueiro dase conta que meteu na súa casa aun paranoico do que non sabe desfacerse.

O Concello de Pontedeume contrata a unha empresa chamada Consultora Galega para redactar o seu plan de urbanismo. A Xunta de Galiza exixe que cumpra unhas determinadas condicións e o alcalde así llo fai saber á empresa redactora. Pero esta fai caso omiso e decide actúar pola súa conta segundo relata o propio alcalde: "La empresa que redacta el PGOM, Consultora Galega, obvió las últimas modificaciones solicitadas por el Gobierno local".

Que facer cando un paranoico métese na túa casa e decide gobernar a túa vida?

14 de xan. de 2009

A quen representan?

Os anos pasan mais os políticos adormecen. En Pontedeume xa parece unha epidemia esta do sono eterno. E é que non se enteiran que os veciños xa non confiamos neles, que vamos por diante. Deberían saber que xa non atraen as mensaxes cheas de oportunismo, cinismo, prepotencia e vulgaridade. Nas pasadas eleccións municipais algúns pensaron que era a hora de “limpar” o concello de mediocres; que os partidos políticos optarían por recompoñer as súas listas desbotando certos personaxes que xa estaban desprestixiados por labores de goberno ineficaz e corrupto. Non foi así. Unha oportunidade perdida para os que aínda pensamos que outra esquerda é posible.

A máis grave carencia que sufre o concello eumés é a da falta dun plan de urbanismo que sente as bases para conseguir un hábitat propio do novo século. Un casco histórico a punto de desaparecer, as urbanizacións que agreden a paisaxe, as ilegalidades consentidas, o deterioramento das rúas e zonas verdes, o déficit de servizos básicos ... unha mostra do escaso interese que aniña nas mentes dos concelleiros. Voluntariamente decidiron ser representantes dos cidadáns e hoxe son incapaces de exercer como tales. Incapaces de exixir que se presente o plan de urbanismo que unha empresa se empeña en secuestrar para beneficio duns poucos. Incapaces de marcar as diferencias co goberno e indulxentes cos poderosos. Así son os nosos concelleiros.


8 de xan. de 2009

Inadmisible

Que unha masacre como a que está a padecer o pobo palestino suceda ante a pasividade daqueles que outras veces foron capaces de invadir un país para impedir un xenocidio (léase Iugoslavia) só se entende pola connivencia dos paises europeos co estado terrorista de Israel.
A sociedade civil ten a obriga moral de manifestarse contra este tipo de crimes. Mañá venres terá lugar unha concentración de repulsa por estes feitos na Praza Real de Pontedeume. Será ás 20:00 horas e os eumeses debemos esixir unha paz sen a cal o futuro non ten sentido. Que esperanza hai cando se permite despedazar aos meniños?