Lemos unha nova publicada pola CPTOPT que moi ben pode repetirse en breve no noso concello.
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística demoleu dous edificios ilegais en Oza dos Ríos
As edificacións foron construídas en solo rústico de especial protección forestal, no que a lei prohibe a construción de vivendas o os usos residenciais
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística procedeu esta mañá á demolición de dúas edificacións situadas no lugar de Santa Cruz de Mondoi (no concello coruñés de Oza dos Ríos). Trátase de dous edificios que foron construídos en solo rústico de especial protección forestal, no que a lei prohibe a construción de vivendas e os usos residenciais, entre outros. Polo tanto, a Axencia Urbanística executou hoxe o derrube das mesmas de forma subsidiaria logo de que o propietario incumprira a orde de demolición que lle fora ditada, así como os requirimentos que se lle fixeron posteriormente.
Os feitos parten dunha denuncia efectuada polo Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil ante a Dirección Xeral de Urbanismo que, a raíz da denuncia iniciou unha investigación para determinar a situación dos inmobles. O expediente concluíu que ambas edificacións eran ilegais e ilegalizables xa que foron construídas nunha zona clasificada no Plan Xeral de Oza dos Ríos como solo rústico de especial protección forestal e neste tipo de solos está prohibida a construción de vivendas e os usos residenciais, entre outros.
Cómpre recordar que o Concello de Oza dos Ríos outorgou licenza urbanística a estas edificacións e, unha vez advertido pola Dirección Xeral de Urbanismo de que as licencias non se axustaban á legalidade, o Concello solicitou a anulación das mesmas ante o Xulgado do Contencioso Administrativo, que procedeu a anulalas.
Posteriormente a Dirección Xeral de Urbanismo declara ilegalizables as edificacións e ordena ao propietario a súa demolición.
Foto: Cabalar