O goberno eumés de Gabriel Torrente adoece de moitos defectos pero quizais o máis arrepiante é o nulo respecto polos espazos naturais e o medio ambiente. Unha alameda histórica ateigada de vehículos, un campo deportivo convertido en aparcadoiro, a tala dun teixo incompatíbel cunha rotonda, muros de formigón ocultando a paisaxe, etc, etc. E de repente caen na conta de que estamos en período preelectoral e convén cambiar a linguaxe. Despois de oito anos sen inmutarse pola deterioración do teixo dos Tenreiro, de facer oídos xordos ás denuncias dos colectivos ecoloxistas que alertaban dunha perda irreparábel, resulta que deciden converterse en abandeirados na defensa desta árbore senlleira.
Publica La Voz de Torrente, por boca do seu erudito concelleiro D. Javier Crespo, que están preocupados pola situación do teixo e así llelo comunican á Consellaría de Medio Ambiente. Crespo permítese diagnosticar que "non se trata dun problema de desidia nin abandono, senón que vén determinado, en gran medida, pola idade natural da árbore" desmentindo así os informes dos expertos da estación fitopatoloxica de Pontevedra.
A proximidade das eleccións obriga aos grupos políticos a transmitir mensaxes a unha cidadanía receptiva e os representantes daqueles, profesionais da demagoxia, están dispostos a proclamar aquilo que os electores queren escoitar. O que ignoran é o cansazo do espectador farto de escoitar discursos de Coresma por parte dos que celebran o Carnaval.