11 de maio de 2014

O salvaxe oeste non era tan salvaxe
























Rodrigo Rato está imputado por presuntos delitos de estafa, apropiación indebida, falsificación de contas anuais, administración desleal, maquinación para alterar o prezo das cousas e delitos societarios.

A pesar diso o 19 de marzo pasado, xusto o día que cumpriu 65 anos e cobrou 522.000 euros de fondo de pensións de Bankia onde cobraba 2,34 millóns ao ano cando era presidente foi nomeado membro do consello de administración de Servihabitat, a inmobiliaria fundada pola Caixa. 

Este nomeamento chegou despois de que en setembro de 2013, o Santander escollérao como membro do consello asesor internacional. Cobrará uns 200.000 euros anuais por prestar este servizo, mediante dúas reunións anuais.

Ademais, incorporouse en xaneiro de 2013 a Telefónica como conselleiro asesor para Europa e Iberoamérica, tamén sen funcións executivas e cobrando dietas pola súa asistencia ás reunións. 

10 de maio de 2014

Un pouco de historia

Ás veces o tempo non pasa polas palabras. Nin parece que pase o tempo. Os mesmos feitos, os mesmos personaxes e a mesma corrupción. 

Hai 7 anos nesta mesma páxina escribía: Un auténtico pelotazo urbanístico que pode deixar na rúa aos traballadores desta empresa (Einsa) que xa hai un ano confesaba ter problemas para dar traballo a todos os seus empregados e agora, inexplicablemente, di querer ampliar a fábrica.

A premonición era acertada. Daquela gobernaba en Pontedeume a coalición PSdG+BNG+IP e hoxe, gobernando o PP, a planta de Einsa en Pontedeume non existe. Por Andrade sopla un aire feudal propio doutras épocas. 

8 de maio de 2014

Einsa ou como se argalla un fraude coa colaboración do Concello

Por fin a planta de Einsa en Pontedeume desaparece logo de despedir aos 9 traballadores que nela permanecían a modo de garantía para conseguir a aprobación dun plan sectorial que foi presentado ao Concello e que tiña como fin a recualificación dos terreos. 

Unha vez aprobado o PXOM xa non é preciso seguer simulando actividade e o retén de 9 traballadores, máis outros 11 de As Pontes, vanse para casa a engrosar a infinita lista de parados deste país.

Einsa xa optara hai anos por cambiar de actividade empresarial. Logo de crear unha sociedade inmobiliaria asinou co Concello de Pontedeume un convenio que implicaba recualificar os terreos  que ocupan as instalacións mais outros adxacentes de veciños de Andrade para crear solo de uso industrial terciario (actividades industriais, servizos, centros comerciais, etc).

A aprobación provisional do PXOM por parte do goberno popular de Torrente comprace así as expectativas de Einsa e consecuentemente xa non fan falta os traballadores. Pero o realmente escandaloso deste proceso é a actitude colaboracionista do alcalde eumés. Argumentando o interese público dunha empresa que dá traballo aos veciños da comarca, accede ás pretensións da empresa que na práctica supoñen o despido libre de todos os traballadores e a materialización dun gran pelotazo urbanístico. Nas respostas que o PXOM dá aos veciños afectados polo convenio entre Concello e Einsa alégase a necesidade de adaptar á lexislación vixente unha actividade económica vital para a comarca.

Agora que esa actividade xa se demostrou que non existía ninguén pode negar que toda o proceso enmascaraba unha operación urbanística que beneficia exclusivamente aos propietarios da empresa en prexuizo dos traballadores que pasan ao paro e de varios veciños que perden dereitos sobre as súas propiedades. 

E todo en connivencia co alcalde de Pontedeume, ao que, parafraseando ao seu antigo xefe, deberiamos berrarlle: Váiase dunha puta vez

3 de maio de 2014

Outro concepto dos espazos públicos



































Quen non lembra a Praza do Convento tal como era non hai moitos anos? Unha praza pensada para estar, para disfrutar, ata que tempos non mellores nos que se impuxo unha mal chamada modernidade abocaron a moitos destes espazos a unha radical transformación que os fixeron inservibeis.

Alcaldes, deseñadores, falsos urbanistas e sucios negocios da construción modificaron non só as prazas, rúas e espazos verdes senón tamén o valor patrimonial das vilas como Pontedeume. Unha deriva que se mantén ata o día de hoxe sen que os cidadáns saibamos ou queramos poñerlle punto final. Impasibeis ante o deterioramento do casco histórico, ante a utilización dos parques públicos como aparcadoiros de coches, ante a destrución do mercado municipal, deixamos que a ignorancia dos alcaldes sexa a que dictamine o futuro de Pontedeume. Non só a ignorancia, tamén escuros intereses personais e económicos