13 de dec. de 2011

Hai límites para a mentira?

Para o Concello de Pontedeume, non
Agosto-2011: O alcalde, Gabriel Torrente, asegura que o Concello dispón "por fin" de todos os informes sectoriais, documentación que considera imprescindible para iniciar a revisión das 591 reclamacións que os veciños da vila presentaron ao documento urbanístico, aprobado de forma inicial a finais de 2009.
Outubro 2011: "Estamos á espera do informe do Plan de Ordenación do Litoral", conta Gabriel Torrente sobre o estado do proxecto de ordenación"
Onte: O goberno  local está pendente do do ditame final de Fomento para inciar a resolución do PXOM. O Ministerio de Fomento emitíu un informe negativo ao borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal remitido polo Concello de Pontedeume.
Como se pode contradicir un goberno coa facilidade que este o fai é un misterio difícil de explicar pero ao que o executivo eumés xa nos ten acostumados. Unha persistencia que raia coa burla á cidadanía.
É sabido que o PXOM sempre foi un prato amargo para os alcaldes de Pontedeume. As ansias de construción dos promotores foron un elemento máis de presión sobre o executivo e este amosouse receptivo ata o extremo de tolerar a especulación urbanística. O freo que nalgún intre puxo a Xunta de Galiza aos despropósitos do PXOM levaron aos alcaldes eumeses a postergar a tramitación do plan en espera de tempos mellores, tempos de permisividade, de destrución e de lucrativa especulación. 
Mais Pontedeume non pode agardar indefinidamente por un plan que ordene o seu territorio, que sente as bases para o seu desenvolvemento económico e protexa a súa riqueza patrimonial. Todos os partidos políticos con representación no concello son responsabeis, por acción ou omisión, do baleiro lexislativo que afecta ao urbanismo. E os cidadáns demándalles un compromiso hoxe inexistente.


5 de dec. de 2011

As prioridades do goberno local

Estes días son dúas as novas sobre as que xira a actualidade eumesa. Por unha banda a falta de perspectivas para rehabilitar o mercado municipal da praza do Conde e pola outra a construción dun aparcadoiro subterráneo a carón do paseo marítimo.
Ambos proxectos parecen entrar en colisión e os praceiros levan as de perder. Na caso do mercado non existe a posibilidade de conseguir unha partida orzamentaria para acometer as obras que se cifran en 2,5 millóns de euros. As obras do aparcadoiro non serán inferiores aos 2 millóns e xa se dá por segura a construción.
Chama a atención que mentres non parece probábel conseguir recursos para a rehabiltación do mercado, o aparcadoiro xa o presentan como unha realidade. E aquí vense as prioridades do executivo eumés. Pouco importan os postos de traballo dos praceiros de Pontedeume e moi importantes son os intereses  que se agochan tras a construción dun aparcadoiro de cuxa explotación nada se sabe. 
Do mercado interesa botar definitivamente aos autónomos que nel traballan e deixar vía libre no futuro para ser ocupado por unha firma solvente que explote o negocio da alimentación á vez que manda ao paro a decenas de familias eumesas. Do aparcadoiro, unha vez construído con cartos públicos, deixar que unha empresa privada corra cos gastos e beneficios do mantemento. 
Esquilmar o sector público e favorecer a iniciativa privada parece ser a nova relixión do partido popular.



4 de dec. de 2011

Un novo paso cara á destrución

A Xunta dá luz verde ao aparcadoiro que Portos de Galiza e Concello queren construír baixo o campo de deportes dun instituto público. E acorde cos tempos que corren -nos que todo vale- o goberno galego considera innecesaria a declaración de impacto ambiental para este proxecto. Un requisito que era obrigatorio e servía para poñer freo aos desmáns na construción, resulta ser agora papel mollado.
Os estudos de impacto ambiental sirven para regular as construcións e evitar os danos que poidan provocar tanto no medio ambiente como na alteración da paisaxe. As directrices de ordenación do territorio marcan as pautas que deben seguirse no caso de proxectos que afecten a concellos costeiros e con portos pesqueiros: 
O planeamento municipal dos concellos costeiros terá en conta a renovación da fachada litoral con criterios de calidade e integración co contorno. Neste contorno evitarase, na medida do posible e con carácter xeral, a localización de usos industriais e infraestruturais xeradores de impacto ou que non teñan a necesidade de localizarse xunto ao mar para garantir a súa viabilidade.

O planeamento urbanístico municipal configurará o contorno dos portos pesqueiros tradicionais como áreas de centralidade, identidade cultural e imaxe urbana.
O impacto paisaxístico que afectará á xa deprimida fachada marítima non será o único problema que acarree estre proxecto. Destruír un espazo público e educativo para construír un aparcadoiro atenta contra o máis elemental sentido común e denota unha vez máis que os gobernantes de Pontedeume teñen unha falsa noción do progreso, ao que chegan identificar co modernismo de rotondas e aparcadoiros tan en boga no últimos tempos.
A dificultade de materializar un proxecto como este situado en terreos gañados ao mar, xunto coa falta dun estudo de viabilidade económica son outras das eivas coas que nace este despropósito municipal. Pontedeume non se pode permitir seguir avanzando cará a destrución do seu ben máis prezado. Someterse aos ditados do sector empresarial por riba dos intereses cidadáns só pode traer máis penuria e impedir a real recuperación da nosa vila como un auténtico conxunto histórico e artístico, agora en proceso de demolición.

A gran regresión

Ignacio Ramonet 
Le monde diplomatique

Está claro que non existe, no seo da Unión Europea (UE), ningunha vontade política de plantarlle cara aos mercados e resolver a crise. Ata agora atribuír a lamentable actuación dos dirixentes europeos á súa desmesurada incompetencia. Pero esta explicación (xusta) non basta, sobre todo logo dos recentes ?golpes de estado financeiros? que puxeron fin, en Grecia e en Italia, a certa concepción da democracia. É obvio que non se trata só de mediocridade e de incompetencia, senón de complicidade activa cos mercados.

A que chamamos ?mercados?? A ese conxunto de bancos de investimento, compañías de seguros, fondos de pensión e fondos especulativos (hedge funds) que compran e venden esencialmente catro tipos de activos: divisas, accións, bonos dos Estados e produtos derivados.

Para ter unha idea da súa colosal forza basta comparar dúas cifras: cada ano, a economía real (empresas de bens e de servizos) crea, en todo o mundo, unha riqueza (PIB) estimada nuns 45 billóns (1) de euros. Mentres que, no mesmo tempo, a escala planetaria, na esfera financeira, os ?mercados? moven capitais por un valor de 3.450 billóns de euros. Ou sexa, setenta e cinco veces o que produce a economía real...

Consecuencia: ningunha economía nacional, por poderosa que sexa (Italia é a oitava economía mundial), pode resistir os asaltos dos mercados cando estes deciden atacala de forma coordinada, como o están facendo desde fai máis dun ano contra os países europeos despectivamente cualificados de PIIGS (porcos, en inglés): Portugal, Irlanda, Italia, Grecia e España.

O peor é que, contrariamente ao que podería pensarse, eses "mercados" non son unicamente forzas exóticas vindas dalgún horizonte afastado a agredir as nosas gentiles economías locais. Non. Na súa maioría, os "atacantes" son os nosos propios bancos europeos (eses mesmos que, co noso diñeiro, os Estados da UE salvaron en 2008). Para dicilo doutro xeito, non son só fondos estadounidenses, chineses, xaponeses ou árabes os que están atacando masivamente a algúns países da zona euro.

Trátase, esencialmente, dunha agresión desde dentro, vinda do interior. Dirixida polos propios bancos europeos, as compañías europeas de seguros, os fondos especulativos europeos, os fondos europeos de pensións, os establecementos financeiros europeos que administran os aforros dos europeos. Eles son quen posúen a parte principal da débeda soberana europea (2). E quen, para defender ?en teoría? os intereses dos seus clientes, especulan e fan aumentar os tipos de interese que pagan os Estados por endebedarse, ata levar a varios destes (Irlanda, Portugal, Grecia) ao bordo da quebra. Co consecuente castigo para os cidadáns que deben soportar as medidas de austeridade e os brutais axustes decididos polos gobernos europeos para acougar aos "mercados" voitres, ou sexa aos seus propios bancos...

Estes establecementos, polo demais, conseguen facilmente diñeiro do Banco Central Europeo ao 1,25% de interese, e préstanllo a países como, por exemplo, España ou Italia, ao 6,5%... De aí a importancia desmesurada e escandalosa das tres grandes axencias de cualificación (Fitch Ratings, Moody's e Standard&Poor's) pois da nota de confianza que atribúen a un país (3) depende o tipo de interese que pagará este por obter un crédito dos mercados. Canto máis baixa a nota, máis alto o tipo de interese.

Estas axencias non só adoitan equivocarse, en particular na súa opinión sobre as subprimes que deron orixe á crise actual, senón que, nun contexto como o de hoxe, representan un papel execrable e perverso. Como é obvio que todo plan de austeridade, de recortes e axustes no seo da zona euro traducirase nunha caída do índice de crecemento, as axencias de cualificación baséanse niso para degradar a nota do país. Consecuencia: este deberá dedicar máis diñeiro ao pago da súa débeda. Diñeiro que terá que obter recortando aínda máis os seus orzamentos. Co cal a actividade económica reducirase inevitablemente así como as perspectivas de crecemento. E entón, de novo, as axencias degradarán a súa nota...

Este infernal ciclo de "economía de guerra" explica por que a situación de Grecia foise degradando tan drasticamente a medida que o seu goberno multiplicaba os recortes e impuña unha férrea austeridade. De nada serviu o sacrificio dos cidadáns. A débeda de Grecia baixou ao nivel dos bonos lixo.

Dese modo os mercados obtiveron o que querían: que os seus propios representantes accedan directamente ao poder sen ter que someterse a eleccións. Tanto Lucas Papademos, primeiro ministro de Grecia, como Mario Monti, Presidente do Consello de Italia, son banqueiros. Os dous, dun xeito ou outra, traballaron para o banco estadounidense Goldman Sachs, especializado en colocar homes seus nos postos de poder (4). Ambos son así mesmo membros da Comisión Trilateral.

Estes tecnócratas deberán impor, custe o que custe socialmente, no marco dunha "democracia limitada", as medidas (máis privatizacións, máis recortes, máis sacrificios) que os mercados esixen. E que algúns dirixentes políticos non se atreveron a tomar por temor á impopularidade que iso supón.

A Unión Europea é o último territorio no mundo no que a brutalidade do capitalismo é ponderada por políticas de protección social. Iso que chamamos Estado de benestar. Os mercados xa non o toleran e quéreno demoler. Esa é a misión estratéxica dos tecnócratas que acceden ás rendas do goberno mercé a unha nova forma de toma de poder: o golpe de estado financeiro. Presentado ademais como compatible coa democracia...

É pouco probable que os tecnócratas desta "era post-política" consigan resolver a crise (se a súa solución fose técnica, xa se resolveu). Que pasará cando os cidadáns europeos constaten que os seus sacrificios son vans e que a recesión prolóngase? Que niveis de violencia alcanzará a protesta? Como se manterá a orde na economía, nas mentes e nas rúas? Establecerase unha tripla alianza entre o poder económico, o poder mediático e o poder militar? Converteranse as democracias europeas en "democracias autoritarias"?


(1) Un billón = un millón de millóns.

(2) En España, por exemplo, o 45% da débeda soberana posúeno os propios bancos españois, e os dous terzos do 55% restante, os detentan establecementos financeiros do resto da Unión Europea. O cal significa que o 77% da débeda española foi adquirida por europeos, e que só o 23% restante áchase en mans de establecementos estranxeiros á UE.

(3) A nota máis elevada é AAA, que, a finais de novembro pasado, só posuían no mundo algúns países: Alemaña, Australia, Austria, Canadá, Dinamarca, Francia, Finlandia, Países Baixos, Reino Unido, Suecia e Suíza. A nota de Estados Unidos foi degradada, en agosto pasado, a AA . A de España é actualmente AA-, idéntica á de Xapón e China.

(4) En Estados Unidos, Goldman Sachs xa conseguiu colocar, por exemplo, a Robert Rubin como Secretario do Tesouro do Presidente Clinton, e a Henry Paulson nesa mesma función no gabinete de George W. Bush. O novo presidente do Banco Central Europeo, Mario Draghi, foi tamén vicepresidente de Goldman Sachs para Europa de 2002 a 2005.

26 de nov. de 2011

A Axencia Europea de Medio Ambiente cifra en 600 millóns de euros o custo da polución en Galiza

Nun informe demoledor a AEMA revela que os danos á saúde e ao medio ambiente producidos pola polución industrial custan arredor de 600 millóns de euros. Cada galego pagou máis de 200 euros por termo medio para paliar as consecuencias da contaminación. Son datos referidos a 2009.
Entre as 45 plantas españolas máis  contaminantes hai 4 galegas: a térmica das Pontes, a de Meirama, o complexo de refino de petróleo de Repsol na Coruña e a planta de Alúmina Española en Cervo.
Hai que facer constar que hoxe en día a refinería da Coruña orixina moita máis polución que a central de as Pontes. Un seguimento diario dos niveis de emisión de dióxido de xofre e de nitróxeno permite apreciar as elevadas cantidades emitidas por este complexo coruñés.


Máis información na páxina da AEMA

25 de nov. de 2011

Que vai pasar co mercado municipal?

No pleno celebrado onte en Pontedeume, o alcalde negouse a tratar unha moción sobre o traslado dos praceiros ás lonxas de Raxoi. A proposta da oposición foi rexeitada "manu militari" polo partido gobernante valéndose da ampla maioría coa que goza.
O Partido Popular non se compromete a restituír aos praceiros ao novo mercado da praza do Conde unha vez sexa rehabilitado e as razóns son obvias. O interese das grandes superficies comerciais por explotar un espazo céntrico, amplo e patrimonial non se lle escapa a ninguén. 
Como se moverán as fichas? Primeiro trasládanse aos actuais propietarios ás lonxas de Raxoi. Como parece imposíbel conseguir financiación para as obras de rehabilitación, aparecerá unha firma redentora que se comprometerá a financiar ditas obras a cambio da explotación do mercado durante corenta anos. Nada novo neste mundo mercantilizado. O Concello non gasta un euro, o edificio rehabilítase pero os autónomos que viven do seu traballo pasan a engrosar as xa longas listas do paro.


23 de nov. de 2011

Hai control na ría de Ares?

Tres buques hoxe na ría de ares




O gaseiro Arctic Princess quedou á deriva a dez millas da costa coruñesa despois de abandonar a ría de Ferrol. Leva dous días en alta mar asistido por tres remolcadores xa que o capitán do buque rexeitou entrar na ría de Ares por temor a que a forza do vento o deixase á deriva perto da costa.

Esta actitude responsábel do capitán non parece ser a tónica habitual doutras tripulacións que buscan cobixo na nosa ría ante as ameazas dos temporais. Hoxe mesmo hai tres buques ancorados no interior da ría e raro é o día que non vexamos algún que outro navío protexéndose do temporal. 
A cuestión é saber se as autoridades son esixentes á hora de conceder os permisos para utilizar como fondeadeiro este refuxio natural que é a ría de Ares. Moitos deste barcos son gaseiros que transportan GNL para  a planta de Mugardos e ante a imposibilidade de entrar na ría de ferrol optan por agardar na de Ares unha melloría do tempo.

Queda unha interrogante por aclarar. Se o capitán de Arctic Princess considera un perigo fondear na ría, por que se permite que outros barcos si o fagan?