16 de maio de 2011

Democracia real xa!

 
Onte tivo lugar en numerosas ciudades do estado unha protesta multitudinaria contra o panorama político, social e económico que impera no noso país, non moi distinto ao doutros lugares da nosa contorna. Unha total falta de sintonía entre a cidadanía e os partidos políticos, de deraitas e esquerdas, que parecen ser moi sensibles ás chamadas de atención dos grandes monopolios financieiros pero sordos ás demandas dunha sociedade abocada ao paro, á miseria e aos abusos de bancos, gobernos e lobbys empresariais.
"Nós os desempregados, os mal remunerados, os subcontratados, os precarios, os mozos? queremos un cambio e un futuro digno. Estamos fartos de reformas antisociais, de que nos deixen no paro, de que os bancos que provocaron a crise súbannos as hipotecas ou queden coas nosas vivendas, de que nos impoñan leis que limitan a nosa liberdade en beneficio dos poderosos. Acusamos aos poderes políticos e económicos da nosa precaria situación e esiximos un cambio de rumbo."
Tan fartos que se pide non votar aos partidos maioritarios nas vindeiras eleccions municipais. Estes son os responsables da corrupción que aniña nas institucións, da regresiva política económica que esquilma aos que menos teñen en beneficio dos poderosos, do intolerábel retroceso en materia de dereitos sociais e mesmo da falta de liberdade que nos retrotrae a tempos pasados.
Pontedeume deixa pasar unha oportunidade para limpar as institucións locais de persoas ligadas a procesos fraudulentos relacionados co urbanismo depredador que asolou paraxes protexidas convertíndoas en paraisos privados en mans de contados personaxes ben relacionados cos estamentos do poder. Ao igual que en Valencia, os candidatos a concelleiros parecen entender que o seu labor corrupto en vez de restar votos suma créditos.

7 de maio de 2011

Están xustificados os recortes sociais?

O Fondo Monetario Internacional (unha institución de clara sensibilidade neoliberal) recoñeceu que a maioría do déficit do estado estrutural débese aos recortes de impostos que foi ocorrendo na maioría de países da OCDE nos últimos trinta anos e que beneficiaron primordialmente ás rendas superiores. Revertendo estes recortes, tales países eliminarían os seus déficits públicos. En España, o sindicato dos inspectores de Facenda indicaron que revertendo os recortes dos impostos e outros beneficios fiscais aprobados nos últimos quince anos, o estado podería ingresar ao redor de 35.000 millóns de euros que é unha cantidade moito maior á que o estado espera aforrar conxelando as pensións, e reducindo o emprego público.
Vicenç Navarro – Consejo Científico de ATTAC

27 de abr. de 2011

Para cando en Caldagueiro?

Por se alguén non o lembra o edificio chamado popularmente mamotreto en Caldagueiro ten sobre os seus alicerces ata 5 ordes de paralización ditadas pola Xunta de Galiza. O motivo: estar construído sobre chan urbano non consolidado, é dicir, carecer das infraestruturas básicas propias do chan urbano consolidado.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de anular as primeiras licenzas que permitiron construír seis edificios e 168 pisos en Fisterra, sobre chans urbanos non consolidados que carecían dos servizos máis básicos. O Concello de Fisterra non considerou as leiras onde se edificou como chan urbano non consolidado. Non é esta a primeira vez que unhas licenzas son anuladas en Galiza polos mesmos motivos, ser concedidas para edificar en solos non consolidados. 
Pontedeume segue a gozar de certos privilexios que fan deste concello unha república bananeira onde os promotores inmobiliarios se burlan na normativa urbanística.

3 de abr. de 2011

Campaña na rede: "Non lles votes"

Un sentimento xeralizado de desencanto, frustración e impotencia cristalizou nunha campaña na rede promovida por cidadáns descontentos a semellanza doutras que se organizaron noutros países. O lema da campaña "Non lles votes" fai referencia ao único xeito de combatir aos partidos que se distinguiron por acoller a corrupción nas súas filas. 
Segundo se le na súa páxina, a corrupción en España alcanza niveis alarmantes. Non se trata só dos casos de corrupción urbanística, suborno, prevaricación, etc., que afectan de xeito xeneralizado aos grandes partidos: falamos de corrupción nos mesmos fundamentos do sistema. Neste contexto asentouse a alternancia perpetua de organizacións políticas aferradas ao poder durante décadas (PP, PSOE, CIU...), sen outras opcións máis que aquelas necesarias para conseguir os seus propios obxectivos, sen permeabilidade de novas ideas, sen permitir a participación activa da cidadanía, asfixiando toda posibilidade de rexeneración democrática.
Unha posibilidade de incidir no futuro deste país.

29 de mar. de 2011

O esquecemento deliberado

Acaba de aparecer o boletín preelectoral do PSdG de Pontedeume. Nel pregúntanse os socialistas por moitos dos problemas que hoxe afectan a Pontedeume e critican,con razón, as nulas medidas do Partido Popular. Mais se os populares xa demostraron a súa incompetencia para gobernar e dar solución aos graves problemas deste concello, os socialistas incurren en defectos non menores que os do PP.
Na longa lista de deficiencias que o PSdG enumera no boletín aparecen temas relacionados coas beirarrúas, axudas á rehabilitación, mal estado dos camiños parroquiais, etc. Pero nin unha soa mención á falta do plan de urbanismo de Pontedeume. Evidencia que para o PSdG non é unha prioridade, ou peor, é improcedente e inoportuno.

A importancia dun plan que ordene o urbanismo está fóra de toda dúbida . Con el moitos dos males que os socialistas enumeran no panfleto publicado estarían xa resoltos. Pero tamén estarían resoltos outros problemas que aqueixaron á vida municipal nos últimos anos. E iso pode ser algo non desexado pola clase política. Porque hai constancia de que sen PXOM é doado especular, prevaricar e corromper.
En todo o mundo hai un movemento social a favor do cambio no xeito de facer política e no fondo desta protesta hai un denominador común: a recuperación da dignidade como cidadáns  que queren participar nas decisións.  Unha sociedade farta de ser ninguneada polos seus representantes está esixindo un compromiso serio na defesa dos intereses da comunidade. Os políticos eumeses parecen non  adaptarse aos novos tempos e empéñanse en lanzar proclamas ocas de contido. Pode que os eumeses non saiamos á rúa para protestar pero si pode ser que o 22 de maio nos quedemos na casa antes que comulgar con rodas de muíño.




7 de mar. de 2011

A suba do prezo dos alimentos

Se no 2010 os prezos de certos alimentos básicos como trigo, millo, azucre ou  soia sufriron un considerábel aumento, este ano as estimacións son moito peores. En dous meses os alimentos subiron un 5,6 %, unha porcentaxe por riba do IPC. Aínda que moitos medios achacan este incremento ao conflito no mundo árabe, outros especialistas van máis aló e denuncian que a suba das materias primas básicas teñen que ver cos movimentos especulativos do sistema financieiro mundial.
O comercio agrícola mundial está centralizado nun pequeno grupo de empresas que fixan os prezos independentemente das existencias e do custo da produción. Os grans de cereais pasaron a ser accións nas bolsas das principais potencias económicas. A tecnoloxía financieira, capaz de fixar o valor dos produtos en función dos caprichos das compañías, conseguíu convertir os alimentos en mercadoría de alto valor. Campañas de fixación de prezos e acumulación da produción dan como resultado un mercado á carta baseado na especulación dos alimentos e materias primas. 

A este valor ficticio imposto polos grandes lobbys da alimentación hai que engadirlle outro factor non menos importante. Unha gran parte da produción agrícola mundial está dirixida á fabricación de agrocombustibles, que teñen como referencia os prezos do derivados do petróleo. O que antes era sementado para sustentar o estómago do ser humano, hoxe é para encher o depósito dos automóbiles do primeiro mundo. Non é de estrañar pois o elevado prezo destas materias primas, cuxo valor está fixado pola lei da oferta e da demanda.

Outras causas da inflación agroalimentaria hai que buscalas no destino que se lles dá a millóns de toneladas de cereais que son convertidas en proteínas en forma de penso para consumo de animais. E aquí habería que replantexarse certos hábitos consumistas que prevalecen o consumo de carnes en detrimento dos vexetais. Cantos quilogramos de cereais e cantos litros de auga son necesarios para producir un quilo de carne?

A conversión dos alimentos en meras mercadorías é a manifestación máis escandalosa do neoliberalismo que goberna o noso planeta. Transformar un ben público en simple artigo suxeito aos vaivéns do mercado é como privatizar o dereito á manutención. Son as empresas as que deciden quen vai comer e que vai comer. Son as multinacionais as que impoñen os prezos dos alimentos e as que regulan o mercado. E como demostrando o indiscutíbel poder que posúen, implantan o uso de semillas transxénicas con patentes anacrónicas que devastan os cultivos tradicionais. En definitiva, a globalización na súa versión alimentaria