28 de ago. de 2014

O feudalismo como tradición secular de Pontedeume


No ano 1971 Pontedeume foi declarado Conxunto Histórico Artístico pola relevancia do seu patrimonio arquitectónico. Porén co paso dos anos unha boa parte da súa arquitectura está a desaparecer por mor do desleixo das distintas administracións. Como contrapartida, o actual alcalde, nun exceso de celo, pretende que Pontedeume recobre o seu carácter medieval entendendo este como o propio dunha vila inhóspita, insalubre, caciquil e gobernada con métodos feudais.

21 de ago. de 2014

Made in Pontedeume

En Pontedeume é frecuente atopar sinais de eclecticismo nos lugares máis inesperados. A Cátedra da Latinidade, actual biblioteca, é un fermoso edificio do século XVI que comparte espazo cunha mostra artística de novo cuño e xenuina de Pontedeume, un estilo aínda sen definir pero con múltiples obras esparcidas pola vila. Un estilo entre utilitario e cochambroso made in Pontedeume. Neste caso unha xardineira multifunción. 

18 de ago. de 2014

O destino de 23.874,12€


En febreiro deste ano anunciouse por parte da Deputación un programa de axudas cuxa finalidade era apoiar aos concellos da provincia no sostemento dos gastos da contratación dirixidos á limpeza de praias marítimas durante a tempada de verán por un prazo máximo de 3 meses comprendidos entre o 15 de maio e o 15 de outubro do 2014


Como resultado desta convocatoria subvencionouse ao concello de Pontedeume coa cantidade de 23.874,12€. 

Esta cantidade podería ser resolver dous problemas á vez. Por unha banda manter limpas as praias de Pontedeume, e pola outra dar traballo a un equipo de parados que durante tres meses de verán aliviarían a súa penosa vida laboral. 

Nada disto sucedeu. As praias Pontedeume seguen sendo un foco de suciedade que os veciños denuncian diariamente. E de vez en cando,  moi de tarde en tarde, unha empresa privada fai o paripé de limpar durante dúas horas algunha destas praias, como sucedeu hoxe mesmo. 

A contratación dun servizo como este sen as debidas garantías de execución é un exemplo máis da corrupción que aniña no noso concello. Repítense ata a saciedade os casos de privatización de servizos a cambio de dádivas empresariais. Á actual corporación é máis sensíbel a outorgar contratos a empresas privadas por uns servizos deficientes, que a paliar a tráxica situación dos parados e das súas familias. 

23.000 euros dá para contratar 8 traballadores durante tres meses a xornada case completa. Con 23.000 euros teriamos as praias máis limpas e os visitantes máis agradecidos. Pero eses 23.000 euros teñen un destino que a Deputación e o Tribunal de Contas deberían investigar por pura hixiene democrática. 

5 de ago. de 2014

Carta aberta a un turista

Ante todo queremos presentarche as nosas desculpas. Non somos os responsabeis do que che pasou pero non queremos que te marches cunha falsa imaxe dos eumeses. Sabemos que nos poucos días que levas na vila tiveches que saír correndo do mercado municipal por mor da inundación que o asolagou. Tamén que os continuos cortes de auga impedíronte duchar e ademais non poideches bañarte nas nosas praias porque están contaminadas. Demasiadas cousas para alguén que vén a Pontedeume con ganas de esquecer o estrés do traballo. 

Recoñecemos a nosa parte de culpa por ter un alcalde como o que temos pois foi elexido por unha maioría da poboación, se ben é certo que os que o votaron fixérono enganados pola hipocresía dese señor. El e o seu equipo forman un grupo incalificábel no que predomina o desleixo, a ineptitude, o interese propio polos bens públicos, a ignorancia, a chabacanería e a chulería barriobaixeira. Por se non o sabes, hai moitos anos fíxose famoso en España un cartel publicitario no que destacaba os xenitais dun touro, chegando a converterse nun icono cultural. En Pontedeume o alcalde tamén parece disposto a reivindicar os atributos do macho como sinal de identidade eumesa. 

Non só iso, no seu desbarre mental identifica o carácter medieval de Pontedeume co feudalismo como forma de goberno. Valores como patrimonio, paisaxe, gastronomía, cultura e ocio son secuestrados polo goberno municipal e, en compensación, ofrécenos unha estampa medieval da vila: suciedade, miseria, caciquismo...convertíndoa nun vertedoiro.

Dirás que non comprendes un comportamento tan anacrónico pero tes que entender que eles, alcalde e concelleiros, cando deixen o cargo van ser recompensados polo mal que o fixeron. Isto pódeche parecer raro se procedes doutro país pero aquí é o que temos. Cargarse os servizos públicos significa un posto de traballo nas empresas privadas que se beneficiaron da nefasta xestión municipal. Xa verás, se decides volver outro ano, como eles e os seus fillos ou irmáns están colocados a corpo de rei, ben en empresas privadas , ben en organismos públicos controlados polo seu partido.

Pero queremos que saibas que se volves o pŕoximo ano xa non teremos este alcalde porque estamos traballando arreo para "externalizalo".