20 de out. de 2009

Así é Pontedeume


Unha escueta noticia pode dicir moito dunha realidade. O novo colexio Couceiro Freixomil, inaugurado este ano, foi pechado hoxe por mor da inundación de augas fecais. Os alumnos de infantil tiveron que voltar ás súas casas porque as augas residuais saían polos váteres, duchas, e desaugadoiros, anegando os corredores e varias aulas.
O pasado día 7 xa aconteceu o mesmo. A falta de previsión por parte dos técnicos que deseñaron o edificio parece ser a nota dominante deste moderno colexio. Os patios non poden ser utilizados porque o arquitecto da obra non tivo en conta que os pequenos alumnos poderían despeñarse dende varios metros de altura.
Así é porque así o queremos.
(Foto:ANPA Couceiro Freixomil)

15 de out. de 2009

Pódense legalizar as construcións de Nogueirosa?


Recentemente fíxose público dende o Concello de Pontedeume que a aprobación do plan xeral resolvería os problemas de certas vivendas ilegais : de resultar aprobado o documento urbanístico, pode dar lugar á legalización dos chalés de Nogueirosa sobre os que a día de hoxe existe un auto xudicial para a súa demolición. Neste caso, tamén se atoparían as casas de Boebre que están sendo investigadas por Urbanismo da Xunta.

Hai que lembrar que as sentenzas de derrubamento son firmes e sobre elas non cabe xa ningún tipo de recurso. A pesares diso o Concello, para evitar un gasto millonario e un dano aos propietarios, optou por introducir no PXOM as modificacións do chan pertinentes para poder legalizar as vivendas afectadas. Este tipo de estrataxema non é nova e moitos concellos anteriormente quixeron poñela en práctica.

Pero esta mesma semana o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza freou un intento de legalizar 1500 vivendas en Vigo. Dende hai máis de 10 anos a xustiza exixe a demolición destas vivendas cuxas licenzas foron anuladas. Tal e como recollen os medios ao longo deste tempo os sucesivos gobernos locais trataron de dilatar o momento de tomar decisións con constantes recursos, á vez que con traballo elaboraban un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Este documento entrou en vigor en agosto do ano pasado e entón púxose en marcha o proceso para legalizalos conforme á nova normativa.

O Concello de Vigo concedeu entón outras licenzas amparadas na nova normativa crendo que así sería posíbel sortear as sentenzas de derrubamento. Mais o TSXG amosouse contundente e apremia ao concello vigués a demoler os tres primeiros edificios e rexeita os recursos presentados polo consistorio.

Debería servir de aviso para navegantes antes de depositar falsas expectativas que logo non se cumprirán. A simple posibilidade de que este tipo de actuacións tivese éxito sería unha burla que a xustiza non vai consentir, á vez que unha invitación a cometer todo tipo de abusos urbanísticos coa certeza de que logo serían "legalizados" polo alcalde de turno.